paseo pedagóxico por pontevedra

evolución das sucesivas ampliacións da muralla

pontevedra amurallada. portas e postigos

O punto de partida do paseo será o conxunto que forma a Basílica de Sta. María e as desaparecidas Torres Arzobispais. O burgo medieval que renace, despois do seu longo letargo, no s. XII tiña o seu centro neurálxico nesta basílica mandada construír polo gremio de mareantes. Emprazada nun promontorio rochoso, domina sobre o arrabalde mariñeiro da Moureira. A igrexa delimitaba un espazo amurallado onde residían os comerciantes e os artesáns. Fóra de murallas estaba o arrabalde mariñeiro, que tanta riqueza e pulo vai dar a Pontevedra, dividido en tres sectores: a Moureira de Abaixo, a Moureira da Barca e a Moureira de Arriba. A primitiva cerca chegaba ata as Cinco Rúas e delimitaba un espazo interior organizado a modo das cidades medievais fronteirizas (bastidas) cun plano regular, tendo como eixe principal a rúa Isabel II, antes chamada Correaria.

Fernando II concede, en 1169, foro ao núcleo de Pontevedra e, no ano 1180, converterase nun núcleo do señorío

arzobispal de Santiago.

A Basílica de Sta María é unha igrexa tardo gótica cunha fachada retablo renacentista de Cornelis de Holanda e Joao Nobre. O programa iconográfico central xira arredor da Dormición da Virxe María culminado cunha crestería de estilo manuelino. Nas súas rúas en diferentes corpos vemos as figuras de San Pedro e San Pablo, Adán e Eva, santas e santos, os catro evanxelistas e todo elo culminado por unha escena de Deesis.

Camiñamos ao longo do recinto amurallado  excavado e facemos un percorrido polas estreitas rúas de uso exclusivamente residencial para ver a traza dos rueiros e algún exemplo de rehabilitación para evitar a degradación deste espazo.

Volvemos a rúa Isabel II que é o eixo vertebrador desta parte do centro histórico por canto o cruza de oeste a leste. Chegamos ás Cinco Rúas. Ata aquí chegaba a primitiva cerca da muralla. Vemos a vivenda de Valle Inclán e a proliferación de negocios de restauración e  hostalería. Os centros históricos corren risco de caer presa dun monocultivo de negocios de hostalería de aí a importancia do seu límite e control.

 

Seguimos en dirección á Praza do Teucro, antigamente denominada praza do Pan, para contemplar o conxunto de vivendas fidalgas cos seus escudos. Aquí están o pazo de Gago e Montenegro, o pazo do Conde de S. Simón e de Aranda. A arquitectura señorial urbana ten nesta praza un punto de concentración. As prazas do centro histórico son lugares de encontro, de comunicación e aquí estamos nun antigo borde de muralla que hoxe practicamente é o corazón do casco vello. Destacamos a presenza de inmobles con pórtico en planta baixa e dúas plantas, na primeira, balcón corrido e na segunda o peche exterior resólvese coa típica galería acristalada.

Na súa proximidade atopamos o edificio do Casino e do Teatro Principal no lugar que antes ocupaba a igrexa de San Bartolomé. A rúa Manuel Quiroga presenta unha concentración de tendas especializadas en roupa que dá continuidade ao comercio da rúa Soportais

 

 

 

Continuamos pola rúa Real, que forma parte do percorrido urbano do Camiño portugués, cara a outro límite de cerca: a praza de Méndez Núñez, antigamente, praza da Herba. Esta praza está presidida polo enorme caserón dos Cru e Montenegro que posteriormente pertenceu aos irmáns Muruais e serviu de lugar de parola a Valle Inclán. Na praza podemos contemplar unha das  constantes no centro histórico: negocios de hostalería combinados con tendas tradicionais

Saimos pola rúa César Boente en dirección ao Mercado. Camiñamos por unha rúa tradicionalmente comercial influenciada pola atracción da praza de abastos, pero que na actualidade está en decadencia polo estado ruinoso do enorme inmoble que pertenceu aos Mariño de Lobeira e unha certa perda de importancia do mercado de proximidade que compre recuperar polo ben do pulso do centro histórico. Ao chegar ao Mercado podemos contemplar os restos da antiga muralla e o río Lérez coa ponte do Burgo, auténtica razón de ser do lugar de Pontevedra. Aproveitaremos a vista para comentar as modificacións que experimentou esta zona polos recheos e as diferentes portas que daban acceso ao burgo pontevedrés por ese lado norte.

Dirixímonos agora á Praza da Pedreira entrando polo arco que forma o pazo dos Mariño de Lobeira. Aquí destaca o Pazo de Mugartegui, auténtica arquitectura palaciana barrroca. Mandado construír por José Manuel Valladares e Figueroa, da Casa de Quintáns, este fidalgo tivo que demostrar a súa condición social, ao ser denunciado por dous procuradores síndicos, por culpa da colocación do impoñente escudo. Este edificio cumpriu varias funcións e na actualidade é sede do Consello Regulador denominación Rías Baixas.

Dende a Praza da Pedreira imos achegarnos a San Bartolomé e o edificio Sarmiento para contemplar o que foi o conxunto xesuítico pontevedrés e hoxe convertido nunha extensión do Museo. San Bartolomé é un exemplo de arquitectura xesuítica tardo barroca. O recinto despois da expulsión da orde en 1776 tivo diversos usos: fábrica dos irmáns Lees, instituto, hospicio.

No edificio Sarmiento podemos contemplar a magnífica escaleira

 

Subindo cara a Praza da Leña atopámonos de fronte con outro exemplo de arquitectura palaciana barroca, o Pazo de García Flórez. Aquí estivo a sede da Escola Normal de mestres dende 1881 ata 1930. Esta construción, unida por un arco pasadizo ao edificio de Castro Monteadudo, máis o edificio de Fernández López forman o complexo do Museo de Pontevedra. Todos eles pechan a Praza da Leña, unha das iconas da cidade. Na actualidade este espazo está absorbido polos negocios de restauración e hostalería que se estenden cara A Praza da Ferrería pola rúa Figueroa.  Esta praza sería tamén un dos límites da murallla na ampliación do recinto no s. XIV. Como podemos ollar, as rúas no centro histórico de Pontevedra desembocan todas elas  a prazas. Estas son ensanchamentos, cruces de rúas que crean escenografías urbanas onde se abren espazos públicos de calidade.

Imos retroceder ata praza da Verdura. Cada praza cumpría unha función comercial especializada dentro do burgo amurallado. Vimos como había a praza do pan, da herba, da leña, agora toca froitas e verduras, primicias que achegaban os campesiños próximos. Presidindo este espazo, a antiga fábrica da luz, hoxe convertida en centro de información turística e local de actividades. 

Subimos pola rúa Conde de San Román ata a Praza da Ferrería. No definitivo recinto amurallado era unha esquina, un lugar de entrada á cidade pola porta de Trabancas, pero hoxe é o centro da cidade, o punto de encontro por excelencia. Un espazo repartido entre a propia praza da Ferrería cos seus soportais onde antigamente se concentraba o oficio de ferreiro, a praza da Estrela, ocupada pola terraza do Bar Carabela e a onde ten fachada a Casa das Caras, e os xardíns de Casto Sampedro, onde se localiza a fonte do s. XVI, construída por Domingos Fernandes e Joao Lopes, semellante á portuguesa de Caminha. Esta fonte foi reconstruída en 1930 despois de ser retirada do centro da Praza da Ferrería. Unha praza que está presidida pola igrexa de San Francisco, un convento extramuros ata a derradeira ampliación da muralla que o integra no seu interior. Fóra deste espazo, como un faro para os camiñantes xacobeos está a igrexa da Peregrina.

Saímos do centro histórico e camiñamos pola rúa Michelena en dirección ao edificio do Concello de Sesmero. Aquí cómpre ollar algúns inmobles que formaban parte do ensanche burgués da cidade. As rúas Oliva, Michelena, Riestra, crean o espazo urbano decimonónico caracterizado por edificios de planta baixa e dous andares nos que destacan as forxas das galerías. Chegados ao Concello vemos o deseño da área institucional de Pontevedra onde traballou o arquitecto Sesmero. No lugar que ocupaba a horta dos dominicos se crea a alameda e os xardíns de Vicenti e as palmeiras. Os edificios do instituto Valle- Inclán, a Deputación e a antiga Escola de Artes e Oficios son un catálogo de estilos modernista e historicista que dan monumentalidade a este espazo público.

 

 

Para finalizar o percorrido iremos  por Riestra ata a praza de S. José e de aí ao IES Sánchez Cantón.