PARROQUIA DE TOMEZA


San Cibrao


  • Segundo se recolle no Carreras Candi pertencía antes ao concello de Mourente. Cruza esta parroquia de Tomeza o río do seu nome, ao que dá orixe un regueiro chamado Piñeiro, que nace en Bértola e desemboca no mar por Pontevedra.
  • Componse de dez lugares, dous deles son fitotopónimos, Pumariño, diminutivo frecuente de Pumar/Pomar (<POMARE, variante de POMALE), que alude a un terreo plantado de árbores froiteiras, especialmente maceiras, e A Carballa, que podemos interpretar de acordo co significado de “carballo grande”, de orixe prerromana, ou relacionala con *carb, “pedra”, seguindo a Eligio Rivas, se entendemos que alí houbo plantas nacidas entre as pedras e estas deron orixe ao nome do lugar.
  • Correspóndense con construcións feitas polo home O Pombal, O Casal do Río, en alusión a unha casa grande construída á beira do río Tomeza, que cede o seu nome á parroquia, e O Pobo, que fai referencia a un grupo de casas.
  • Consideramos orotopónimo A Valadiña, de valadal, lugar valado cerrado ou rodeado de valos.
  • O Alcouce podemos relacionalo coa palabra portuguesa alcouce, polo que aludiría a unha canalización (opción pola que nos inclinamos máis) ou co termo galego alcouve, que se corresponde co significado de “sitio onde se sementa”. No Dicionario de dicionarios alcouce defínese como “ángulo ou recuncho abrigado que forman as casas” ou como “bordel”.
  • San Pedro trátase dun haxiotopónimo.
  • O lugar denominado Lusquiños, se atendemos ao significado de lusco “curto de vista” ou entre lusco e fusco, “momento do final da tarde en que a escuridade nocturna empeza a impoñerse á claridade diurna”, ten sentido explicar a razón dese nome por tratarse dunha zona algo escura, en que dá menos o sol.
  • Finalmente O Marco ten a mesma orixe ca Marcón, topónimo comentado máis arriba.

Lusquiños

O Pobo

San Pedro


curiosidade:

  • Conta Carreras Candi que en Tomeza, no cumio do monte Cibrán existe unha pequena capela dedicada a conxurar os embruxamentos, que aquí chaman feitizos. O día do santo hai unha romaría de zona. Antigamente parece que existiu alí un Castelo que pertencía ao Duque de Sotomayor. Murguía, pola súa banda, supón que nesta parroquia existía en tempos un convento de monxas igual ou máis antigo có de Poio, do cal dependía, ao que dona Urraca chama antiquum. Sarmiento encontrou alí un sepulcro de Ermegonda. Deduce que sería unha monxa porque ten igual símbolo a un de Poio ou, se cadra, a unha abadesa á que pertencían sitios como Fonte da Fraira ou Pazo de Donas.