ACTIVIDADES


  • Esta unidade didáctica sobre a ollada da paisaxe dende o monte da Fracha, en Pontevedra, nace como consecuencia da confluencia de dous proxectos polos que o IES Sánchez Cantón sentiu interese, por un lado o anteproxecto da creación dun parque periurbano na Fracha e, por outro, a convocatoria anual do Plan Proxecta da Consellería na modalidade de Paisaxe e Sustentabilidade que nas bases da súa participación convida a presentar un traballo que implique ao alumnado co medio natural que o rodea.

 

  • Entendemos que esta podería ser unha oportunidade para traballar co alumnado de 3º da ESO todo un programa de sensibilización educativa polo territorio nun país que por incultura e falta de educación maltratou e segue a maltratar os espazos naturais e os espazos construídos. Hai unha necesidade de formar á poboación sobre a sensibilización pola paisaxe para que aprenda a distinguir as actuacións boas das malas e aprenda a pensar nas consecuencias das intervencións humanas no territorio.
  • Vivimos en Pontevedra, unha cidade que deu moitos pasos de cara a unha humanización e valorización dos espazos naturais e o patrimonio cultural, e consideramos esencial unha acción educativa de base para continuar o labor encetado na última década. En concreto o eixo central do noso traballo será o de colaborar na potenciación do proxecto municipal de crear o Parque Periurbano da Fracha. A nosa aportación será a creazón dunha unidade didáctica sobre este espazo e as posibilidades educativas que nos pode ofrecer.

 

  • O alumnado urbano debe reflexionar sobre o contexto no que vive, coñecer como evolucionou, analizar os bos e malos exemplos dese desenvolvemento e aportar ideas de mellora dos seus espazos públicos.