AUGAS

  • Estamos nunha área moi exposta aos ventos húmidos do SW e por isto recolle abundante auga. A Fracha é un dos primeiros obstáculos que se atopa ese aire húmido o que dá pé á formación de numerosas fontes e regatos que se reparten entre os concellos de Pontevedra, Vilaboa e Ponte Caldelas: Rego de Pintos, Rego do Pobo, Rego da Reigosa, Rego do Barco, Rego de Bouzamigo. Todos estes regatos van transportar moita auga no inverno, mentres que acusarán un rápido descenso do seu caudal na medida que nos aproximemos ao verán. Iso si nunca deixarán de levar auga porque as cabeceiras fluviais aliméntanse da carga que vai soltando lentamente unha terra que funciona como unha esponxa.
  • Todos estes regatos acaban por levar a auga a colectores fluviais maiores como é o caso do Rego de Pintos, o Rego do Barco ou o Rego do Pobo que levan as súas augas ao río Tomeza que percorre a Depresión Meridiana e desemboca polo barrio de S. Roque en Pontevedra; o caso do Rego da Reigosa que conduce as súas augas ao río Almofrei, afluente a súa vez do Lérez, ou o Rego de Bouzamigo que  conecta co río Ulló, desembocando na ría de Vigo nas proximidades de Ponte Sampaio.
  • Son numerosas as fontes que existen ao pé do promontorio rochoso da Fracha. Como mostra deixamos un mapa de fontes e sistema de traída de augas do lugar de Pintos, na parroquia de Marcón. Este mapa forma parte das alegacións dos veciños en contra do proxecto de construción da A-57.
  • No centro da imaxe vemos o Rego de Pintos, en cor rosa temos os 53 puntos de auga existentes no lugar e en azul as canles para a rega tradicional dos campos que rodean as casas deste núcleo. Como podemos ver existe un aproveitamento moi depurado que pode verse alterado pola construción dunha infraestrutura viaria de alta capacidade.