CLIMA

  • O clima temperado oceánico, característico de Galicia, aparece matizado en Pontevedra por un certo grao de mediterraneización. Os veráns das Rías Baixas, aínda que son curtos e frescos, son dous graos máis quentes que os rexistrados no norte de Galicia. Son veráns húmidos, pero chegan a rozar a aridez estival. Obviamente a proximidade do mar suaviza os contrastes térmicos que se poden observar na provincia de Ourense polo que o verán segue a ser fresco, se ben, os seus valores medios están máis próximos ao que consideramos calor. No tempo estival o vento dominante adoita ser do norte pola aproximación do anticiclón das Azores á península.  Os invernos son termicamente moi suaves polo que gozamos dunha oscilación térmica moderada que converte esta terra nun lugar ideal onde non hai calor extremo nin frío intenso.  

 

  • O número de horas de sol é bastante superior a rexistrada no norte de Galicia: 2247 de Pontevedra fronte a 2040 de A Coruña. Esa benignidade térmica vén dada pola frecuente chegada de aire do sur procedente do trópico. Ese aire que viaxa polo Atlántico chega moi húmido producindo un elevado nivel de precipitación. No inverno os ventos dominantes son do SW, cálidos e húmidos, sendo frecuentes o paso de frontes que en ocasións traen consigo fortes temporais. A Fracha é un dos primeiros  desniveis que se atopan as frontes procedentes do Atlántico dando lugar a un notable rexistro de precipitación.

 

  • Sabemos que a precipitación é maior na parte interior das rías e, sobre todo, nas abas de barlovento das estribacións montañosas por moi modestas en altura que estas sexan. Así pois, estamos nun lugar termicamente privilexiado, pero moi húmido. Aquí é onde se advirte a mediterraneización porque se ben chove todo o ano vai facéndoo  de xeito especial no outono máis que no propio inverno. En resumo, vai máis calor e temos máis horas de sol e días despexados que no norte de Galicia, pero a cambio hai tamén bastante máis precipitación