IMPACTOS SOBRE O MEDIO


  • Calquera  actividade humana deixa a súa impronta na paisaxe, pero hai algunhas que resultan moi agresivas. Dende a Fracha podes ollar a ferida importante que causa a canteira situada na parroquia de Cerponzóns. Mesmo nas proximidades da Fracha podes atopar outra canteira ao pé mesmo deste promontorio, nas proximidades da aldea da Ermida e non moi lonxe hai outras na veciña parroquia de Baltar, pertencente ao Concello de Ponte Caldelas.  A explotación da pedra natural é unha actividade tradicional que serviu para construír as casas e os muros, pero a súa explotación a gran escala, a nivel industrial, está causando un impacto moi grande non só a nivel visual, senón tamén en produción de polvo, cascallos, movementos de terras e a infraestrutura viaria apta para o movemento de camións de gran volume.  

Nesta imaxe recollida a partir das ortofotos do Servizo de Información Xeográfico da Xunta de Galicia,  podemos comparar a superficie ocupada pola canteira ou a superficie do Polígono Industrial do Campiño e o tamaño da área ocupada polas aldeas.

 

  • Obviamente a localización do polígono industrial no Campiño transforma dun xeito moi notable a zona na que se empraza que pasa de ser rural a ser periurbana, con mestura de usos tradicionalmente rurais con outros de tipo urbano. Este polígono empresarial e industrial non é visible dende a cidade de Pontevedra, pero obriga a unha infraestrutura de evacuación de refugallos moi notable e a unha mellora dos accesos que está dando lugar á polémica do trazado da A-57. Un polígono  industrial move moito tráfico pesado, deixando pequena a estrada que une Pontevedra con Ponte Caldelas. A necesidade das empresas dun vial de maior capacidade para conectar dun xeito áxil a área industrial co porto de Marín ou coa A-9 choca cos intereses dos veciños que van ver mudar dun xeito moi notable a súa contorna. Os viadutos e os desmontes van transformar o equilibrio dunha paisaxe rural construída lentamente por outra dominada pola infraestrutura dunha vía de alta capacidade. Os valores adscritos a unha paisaxe tradicional desaparecen dando pé a máis transformacións futuras nos aledaños da vía (naves de almacenaxe, modificación na normativa que regula os usos do solo...)

 

 

  • A multiplicación de pistas e cortalumes que hai no espazo ocupado polo monte é outro problema paisaxístico. Esa proliferación de vieiros está pensada para facilitar a chegada da maquinaria forestal  para explotar a madeira. Precisamente neste sentido as comunidades de montes comezan a potenciar alternativas de aproveitamento dese espazo onde poden ter cabida outros usos que non só a explotación da madeira, pero no caso de limitarse a este uso que exista unha variedade para superar outro problema que empobrece o monte galego: o monocultivo do eucalipto. A xestión do monte orientada a produción de madeira para satisfacer as demandas da produción de celulosa e os frecuentes incendios forestais degradan o solo.  Un bo exemplo de pobreza de biodiversidade é este espazo que escollemos como obxecto de estudo. O dominio dos cultivos forestais de rápido crecemento ofrece unha paisaxe monótona e carente de atractivo.

Nesta ortofoto da Fracha podemos ollar o número tan elevado de pistas forestais e a pegada dos cortalumes. Na parte central da imaxe vemos como aflora a rocha nai, indicativo da delgadez dos solos, mentres que na parte esquerda, nunha cor verde oscura, podemos ollar as masas de eucaliptos

 

  • A desorde na ocupación do territorio por vivendas unifamiliares que non teñen relación morfolóxica co caserío tradicional preexistente no núcleo orixinario é outro problema moi visible. Estes inmobles nin están pensados como vivendas relacionadas coas actividades agrarias, adoitan presentar uns volumes e unhas escalas construtivas moi distintas e usan materiais que non sempre se adaptan á paisaxe na que se emprazan. Este proceso detectable en toda Galicia resulta preocupante nas Rías Baixas e Pontevedra non é unha excepción. Os niveis de desorde chegaron a tales niveis que a Xunta, un tanto tarde, comeza a potenciar entre a cidadanía unha maior sensibilización cara os temas da integración paisaxística e de conservación dos núcleos rurais preexistentes para evitar máis desfeitas. Nesta ligazón poderás ollar unha análise sobre este tema e algunhas recomendacións:

Podemos ollar as diferenzas notables entre o fotograma do ano 1956 e o actual na paisaxe correspondente ás aldeas da Ermida e Ría de Arriba. Vemos unha multiplicación das vivendas que se diseminan polas leiras colindantes coa rede de camiños, fóra do marco orixinario da aldea e, as veces, incluso introducíndose no interior do espazo reservado ás terras de labranza. Con todo, tamén debemos salientar que o debuxo da masa forestal ubicada no centro da imaxe se conserva na súa integridade.