PAISAXES AGRARIAS


  • Pontevedra é unha cidade de 80.000 habitantes dos que un 23% viven nun espazo que podemos considerar periurbano, se ben, ten parroquias como é o caso da Canicouva ou S. André de Xeve ou Sta. María de Xeve  onde o peso rural aínda é notable.

 

 

  • Dende a Fracha podemos ver un parcelario moi atomizado intercalado entre as vivendas.

 

  •  Os núcleos que en orixe eran aldeas compactas rodeadas de hortas e terras de labor, nos últimos 30 anos experimentaron unha multiplicación do seu caserío, dando lugar a unha paisaxe diseminada onde as antigas fincas de labor son substituídas por vivendas. A perda de  importancia económica do sector primario ao converterse nunha actividade complementaria a tempo parcial explica o cambio de uso sobre ese parcelario.

 

Nesta imaxe do Google Earth, que corresponde coa aldea de Lusquiños, na parroquia de Tomeza, podemos ollar  un exemplo do que estamos a explicar. Rodeado cun círculo azul está o núcleo máis antigo. A súa localización está pensada onde racha a pendente entre as chairas, terras de veiga, fértiles, e o espazo de maior pendente destinado ao uso forestal. O crecemento posterior do núcleo busca a estrada que percorre en paralelo ao río Tomeza, dando lugar a unha disposición liñal do caserío. Algúns inmobles ocupan xa o espazo agrario tradicional, indicando unha perda de importancia das actividades agrarias fronte a outros usos. Esta mestura de usos é típica dunha área periurbana como se pode comprobar na parte esquerda da imaxe onde aparecen naves de talleres e almacéns (círculo vermello), atraídos pola saturada estrada de Vigo a Pontevedra.


  • O parcelario son tiras moi estreitas e alongadas que aparecen orientadas en dúas direccións, unhas en disposición norte- sur e outras en sentido leste- oeste, unhas rodeando ao caserío e outras máis alonxadas. O resultado é un conxunto de  explotacións atomizadas e divididas en varias parcelas dispersas entre si.
  • Os cultivos son os típicos de horta nas Rías Baixas:  coles, patacas, millo, tomates, feixóns...
  • Consérvanse prados para o gando e áreas de bosque que tradicionalmente eran o antigo subministro de madeira, pero que hoxe tamén perderon a súa antiga función.
  •  Dada a cantidade de pendentes existentes no concello a superficie agraria útil que podemos ollar dende A Fracha é a que se corresponde coa área da Depresión Meridiana, unha fosa tectónica de fondo plano que convida a dedicala á agricultura. Da superficie total do concello de Pontevedra (11.836 ha.) tan só un 5’5% son terras labradas con dedicación a cultivos herbáceos, froiteiras, viñedos e outros (653 ha.) segundo os datos do Anuario Agrario da Consellería de Medio Rural para o ano 2012.
  • Na medida en que a pendente se incrementa a paisaxe evoluciona rapidamente a un espazo forestal. Un 62% da superficie total do concello está ocupada polo espazo forestal (7.406 ha.), segundo datos do Anuario Agrario de 2012.

 

  • Practicamente a metade da superficie de monte pertence ao monte comunal. A pervivencia desta peculiar forma de propiedade, recuperada nos anos 80 do proceso privatizador operado durante o franquismo, fala da importancia do sentido de pertenza e identidade sobre un territorio e o peso do sector forestal como complemento de ingreso para as familias. O monte comunal é unha propiedade colectiva, nin é privada nin pública, ao que se pertence polo mero feito de vivir na parroquia.

 

  • Hoxe en día estas comunidades son conscientes do papel fundamental que xogan no mantemento dun espazo forestal vivo e variado en usos. Durante moitos anos semellaba que sobre o monte non había máis uso que o madeireiro. Madeira orientada cara a produción de pasta de papel o que provocou que o monte pontevedrés quedara inzado de piñeiros e eucaliptos con destino á factoría de ENCE. Porén, hoxe, concienciados da necesidade de ter unha actividade sustentable sobre os recursos naturais, estas comunidades de montes prefiren diversificar a súa produción e os usos que se poden aplicar sobre o monte.

 

 As Mancomunidades de montes veciñais en man común de Pontevedra organiza xornadas para debater sobre os usos que se lle pode dar ao monte alternativos ao cultivo de especies para explotar a madeira, abrindo liñas de intervención sustentables e ecolóxicas; impulsa o control das especies invasoras, trata de regular o uso que se lle pode dar monte dende o ámbito do deporte, potencia a obriga de coidar e poñer en valor o patrimonio cultural que poida ter a súa localización no monte comunal, fomenta a produción micolóxica, loita contra os incendios, o seu gran inimigo, crea emprego no monte (o sector forestal galego sostén un emprego de 70.000 persoas, cunha actividade económica que ten  valor aproximado do 3’5% do PIB) e educa ás novas xeracións no coidado do monte. Para saber máis do funcionamento das comunidades de montes compre consultar esta web