PARROQUIA DE MOURENTE


  • Foi concello ata o ano 1868 en que se incorporou ao de Pontevedra. Polo leste cruza o río Almofrei e polo oeste o Tomeza.

 

  • A maioría dos seus nomes de lugar están relacionados con algún aspecto da paisaxe ou da conformación da terra. Debemos ter en conta tamén que era terra de canteiros, segundo indicaba xa no século XIX Pascual Madoz, por exemplo. 
  •  Son fitotopónimos: A Bouza, terreo a monte, inculto e cheo de matos, especialmente toxos, xestas, urces; Freixeiro (do latín FRAXINARIU) correspóndese cun lugar onde atopamos freixos e Monte Porreiro fai referencia a unha zona na que medra unha especie de allo-porro silvestre (do latín PORRARIU, Allium porrum). Con todo, segundo Gonzalo Navaza, é posible que nalgúns dos topónimos derivado de porro non estea o significado fitonímico senón oronímico, por alusión a formacións alongadas, máis ou menos cilíndricas.

Freixeiro

Monteporreiro

Monteporreiro


  • Falamos de litotopónimos ao atopar o lugar de Cons, que procede dunha base preindoeuropea *con, co sentido de pedra; A Laxe, de orixe celta, porque na zona habería penas de grandes dimensións que presentaban forma aplanada; e o propio topónimo de Mourente, que podería derivar do preindoeuropeo *mor, “rocha ou monte pedroso”, porén Carreras Candi relaciónao con outros nomes como Mora, Morás, Morera, etc., que denotan na toponimia ibérica sitios nos cales a rocha ou o terreo se presentan dunha cor escura, mesmo chega a relacionalo coas lendas de mouros e covas 

Cons

  • Outros nomes de lugar aluden de forma bastante clara a asentamentos humanos, é dicir, a construcións feitas polo home: Casas Novas, O Pazo, Vilaverde, Eirós. Neste último dáse a conversión da terminación –oa en –ó, versión contraída de eiroa, diminutivo que nos fala dunha eira de pequenas dimensións, ben espazo chan próximo á casa labrega onde se mallan os cereais, se coloca a palla ou secan os legumes, ben espazo chairo no centro do lugar onde se celebran reunións, festas, etc. Vilaverde procede do latín VILLA (M), daquela relacionámolo cun lugar onde existía unha explotación agropecuaria ou casa de recreo rodeados de vexetación, de aí o adxectivo verde.

  • Atopamos dous haxiotopónimos: San Amaro e Santa Margarida. Con respecto ao segundo sinala Carreras Candi que ademais da capela dedicada a esta santa se encontra a casa en que residiu Frei Martín Sarmiento.

Santa Margarida

  • A explicación dos restantes topónimos resulta bastante evidente. Areás remítenos a areais fluviais, perdeu o –l- de –ales e asimiláronse as dúas vogais. Carabelos son cestos de tamaño medio con asas para levar no brazo ou para gardar o produto da pesca de cana. Os Campos alude seguramente a zonas máis chás con bastante herba. O Monte e O Outeiro trátanse duns orotopónimos transparentes, A Raxeira fai referencia a un lugar onde bate o sol (segundo a definición da propia palabra), Condesa pode aludir aos antigos propietarios dese lugar e, por último, Moldes posiblemente faga referencia ás formas das penas ou do terreo, xa que molde é un obxecto oco que serve para dar forma a algo.

Areas

Raxeira

Os Campos


  • Sorprendentemente no Carreras Candi inclúese un nome de lugar máis, Pedra de Lagarto, que relacionamos co de Raxeira porque tamén se debe referir a unha zona soleada, as preferidas polos lagartos para elevar a súa temperatura corporal. Único zootopónimo dos nomes de lugar analizados.