VEXETACIÓN

  •  Aquí non podemos falar de presenza de vexetación autóctona por canto o dominio correspóndese cunha masa de matogueira a base de toxos e en menor número xestas. As árbores son de repoboación cun dominio do piñeiral fronte ao omnipresente eucalipto. A vexetación de frondosas autóctonas, encabezadas polo carballo, non ten presenza salvo por algúns exemplares illados.  Outras especies  como  silvas e fentos  están a falarnos da pobreza dos solos e a súa degradación. Unha vexetación moi pobre que responde a un patrón moi común na franxa costeira de Galicia onde domina a repoboación de piñeiros e eucaliptos ao servizo dunha explotación forestal moi orientada a industria de celulosa. A matogueira está adaptada a uns solos moi pobres que frecuentemente padeceron a vaga de incendios e os procesos erosivos que provocaron  solos moi delgados con frecuentes afloramentos da rocha nai. Se ben a presenza dunha matogueira a base de toxos, xestas e fentos era imprescindible para a xeración de abono orgánico que mantiña a fertilidade da escasa superficie útil agraria nun sistema produtivo tradicional de tipo agrogandeiro, hoxe en día esta biomasa xa non ten ese uso.