O COMPLEXO ESTRUCTURAL RÍO-RÍA

  • Dende A Fracha podemos ollar o esteiro do río Lérez. Este río costeiro fai o seu percorrido por unha fractura de orientación  NE-SW, dende a Serra do Candán, nos montes da Dorsal Galega, ata a ría de Pontevedra. Estas fracturas son os restos dunha estrutura moi antiga pertencente á oroxenia hercínica que no seu día, hai 300 millóns de anos, na era primaria, levantou unha enorme cordilleira que soldaba estas terras  ás de América do Norte. Esas fracturas, auténticas liñas de flebeza, foron acentuándose na era terciaria, despois da oroxenia alpina. O comportamento ríxido desas estruturas primitivas crearon na parte occidental de Galicia, nas Rías Baixas, unha paisaxe xermánica de bloques elevados e bloques afundidos. 

 

  • A ría de Pontevedra forma parte do conxunto das Rías Baixas. Ten unha orientación NE- SW semellante ao propio curso do río Lérez. As rías son o resultado do asolagamento do treito final dos vales dos ríos costeiros despois do último gran ascenso do nivel do mar acontecido, tras a última glaciación, hai 15.000 anos.

 

  • As rías son bloques afundidos flanqueados por bloques elevados como podemos ollar na imaxe. A Fracha e os montes de Domaio forman parte do flanco sur da ría, mentres que o Castrove limita a ría polo norte. Son bloques graníticos elevados na típica formación de relevo xermánico denominado graben onde a superficie ocupada polo mar sería un espazo afundido.

 

  • No extremo esquerdo da imaxe podemos ver a illa de Tambo, un outeiro do antigo val do Lérez, convertido en illa.