A DEPRESIÓN MERIDIANA

  • A esta fractura se lle cruza outra en sentido norte-sur dende Carballo ata Tui que se denomina a Depresión Meridiana. Este espazo, interpretado como unha fosa tectónica,  convértese nun corredor prelitoral que foi utilizado dende a antigüidade para trazar as vías de comunicación norte sur no territorio galego

.

  • O lugar onde se cruzan ambas fracturas podemos ollar o emprazamento da cidade de Pontevedra. Un núcleo de paso estratéxico localizado en medio de cursos de auga: o Lérez, o Rons ou Alba o Tomeza ou Gafos e o regato de Valdecorvos. Todos este cursos rodean o promontorio rochoso sobre o que se asenta o primitivo núcleo de poboación.

Na imaxe podemos ollar o lugar onde se cruzan as fracturas. En azúl, a traxectoria norte- sur da Depresión Meridiana e, en amarelo, a fractura fluvial e da ría en sentido NE-SW. Como podemos ver, o lugar onde cruzan é o elixido polo ser humano para emprazar a cidade de Pontevedra.  O aspecto de chaira deprimida queda acentuado ao estar flanqueada polo monte Castrove no oeste e a Fracha polo leste.





A Serra de Fracha constitúe un promontorio granítico que está delimitando a Depresión Meridiana dende o que se divisa tamén a parte interna da ría de Vigo que se corresponde coa enseada de S. Simón.

  • Nesta imaxe podemos ollar a enseada de S. Simón. A ría de Vigo está formada a partir do asolagamento do complexo fluvial Verdugo- Oitavén. Na imaxe podemos contemplar o esteiro formado polos aportes sedimentarios do río distribuídos pola acción das mareas e das correntes. Estes sedimentos son inundados periodicamente polas mareas dando lugar a un ecosistema moi rico de especies intermareais. Na parte esquerda da imaxe destaca a praia de Cesantes, unha frecha litoral que apunta á illa de S. Simón, creada pola confluencia de correntes contrapostas entre o mar e o río que co tempo acabará por formar un tómbolo coa illa. En pleno esteiro, próximas á desembocadura do río Verdugo, secas pola baixamar, podemos ollar as illas Erbedosas. 
  • Flanqueando a depresión ocupada pola ría podemos ver na parte esquerda da imaxe o desniveis monte Galiñeiro. Se queremos saber deste espazo e os seus valores paisaxísticos recomendamos a lectura desta ligazón.  
  • Na parte dereita podemos ollar as abas do promontorio de Domaio.

.

 




Os esteiros nas cabeceiras de ambas rías son áreas de sedimentación de pouca profundidade formados polas areas arrastradas polos ríos, no caso que nos ocupa o río Lérez en Pontevedra e o Verdugo na de Vigo. Estes espazos de sedimentación fluvial van dando ao interior das rías un fondo areoso plano.    




  • Se desviamos a mirada ao norte podemos ver a Depresión Meridiana delimitada polo monte Castrove e a elevación do monte Acibal. Chama a atención o enorme grao de ocupación humana nunha dispersión en enxambre que fai uso do fondo da depresión como lugar para establecer a súa vivenda. Só cando a pendente comeza a ser brusca a humanización do territorio adquire un uso forestal.

 

  • Na parte leste están as terras do interior da provincia de Pontevedra delimitadas pola Serra do Suído, pertencente á Dorsal Galega. A Fracha actúa como límite entre o concello de Pontevedra e o concello de Ponte Caldelas, de feito comparten polígono industrial. Na imaxe podemos aprezar como diminúe drasticamente a ocupación e aumenta a superficie de monte.