PARROQUIA DE MARCÓN


Marcón coa  Fracha de fondo

  • Pertenceu ao concello de Mourente. Nel encontramos canteiras.

 Entre os nomes de lugar desta parroquia encontramos un gran número de orotopónimos, algún con denotacións cromáticas como Albeiro, que procede de albo, de cor branca ou clara (aínda que tamén podería referirse ao outro significado da palabra, “muíño que só moe trigo”) ou Peralba, do latín PETRA, que evolucionou a “pera” e o latinismo “albo”, coincidente co anterior. De feito nesa zona encontamos rochas de xisto, de ton branquecino, en lugar de granito, orixinado pola metamorfización da arxila a causa da temperatura ou da presión.

  • Outros orotopónimos son A Barcia, que se define no dicionario como terreo chan que é cultivado e Valadares, lugar valado, cerrado ou rodeado de valos.

  • Falamos de fitotopónimos no caso da Cardosa, derivado de cardo moi común (a través do sufixo procedente de –OSU, -OSA), que se relaciona coa cor morada (segundo a cor da súa flor), porque nacerían moitos alí de maneira ventureira, e Carracido, evolución do latín vulgar *carricale, proveniente de carex, “carrizo ou cana silvestre dos pantanos”; daquela o lugar era zona de brañas, húmido.
  • En Marcón confórmase o val do río Pintos, por iso non podían faltar algúns hidrotopónimos, curiosos por outra parte, como Ría de Abaixo e Ría de Arriba. Ría, se consultamos o Dicionario de dicionarios, ademais do significado máis coñecido, “brazo de mar que se interna na terra” (aquí sen sentido), tamén ten o de “ruta, camiño, dirección” e Eligio Rivas Quintas inclúe o de “val húmido, amplo, en concreto onde se nota algo de corrente de auga”. Fai honor ao río o lugar denominado Pintos. Este adxectivo aplícase aos animais ou cousas de cor negra con manchas brancas. A explicación podémola atopar nas pedras brancas que sobresaen a miúdo nalgúns tramos desta corrente fluvial.

Pintos

Ría de Abaixo


A Peralba

Albeiro


  • Con asentamentos humanos relacionamos os lugares de Pazos, do latín PALATIUM (antigas casas ou mansións señoriais) e Vilafranca, relacionado ben cos francos (chegados en gran número polo Camiño de Santiago), ben coas franquicias ou exencións que determinados reis ou señores concedían ás súas vilas para liberalas do pagamento dalgúns cargos e tributos; eran as chamadas cartas de franquicia, que xurdiron a partir do s. XI.

  • A Ermida constitúe un haxiotopónimo, ese tipo de edificacións construíanse en terreos ermos e solitarios onde os eremitas se podían dedicar plenamente á vida contemplativa.
  • Deixamos para o final o lugar que coincide co nome da parroquia, Marcón. Marco procede do xermano markan ou marca, “sinal para limitar”. Moitas veces sitúase entre dous ou máis xurisdicións territoriais, o que proba a antigüidade de moitas das actuais divisións administrativas. Relaciónase cos deslindes de veigas ou propiedades.

Ría de Abaixo