PAISAXES URBANAS E PERIURBANAS


  • Dende a Fracha podemos ter unha vista magnífica do emprazamento da cidade de Pontevedra onde viven 60.000 hb. ; o resto da poboación (23.000 hb.) está diseminado por un territorio inicialmente rural que por mor dos procesos de urbanización dos últimos 50 anos muda a formas periurbanas.

 

  • O emprazamento da cidade de Pontevedra está localizado no esteiro do río Lérez, sobre a propia Depresión Meridiana. Rodeada e limitada por ríos, a súa expansión parte do promontorio rochoso de Sta. María en dirección leste, seguindo a estrada que nos leva a Ourense. Reducida durante a maior parte da súa historia ao espazo ocupado polo centro histórico, o seu crecemento ten lugar a partir da década dos sesenta, onde o desenvolvemento desordenado e especulativo do tardofranquismo deu lugar a un espazo moi macizo, sen prazas públicas e servizos básicos que houbo que ir humanizando nos últimos 16 anos.

 

  • Dende a fotografía podemos observar o barrio de Campolongo, unha das iniciativas máis dignas de urbanización dos anos 70 nos terreos que antigamente ocupaba RENFE. De iniciativa pública, o plano aberto de edificación a base de bloques de vivendas rodeadas de espazos verdes, sendo moi habitual en moitas cidades españolas, en Pontevedra non tivo os problemas de servizos e habitabilidade que tivo, en Vigo, o barrio de Coia. Hoxe este polígono de tipo residencial  medrou sobre os terreos ocupados polo antigo cuartel militar de Campolongo.

 

  • Na imaxe podemos apreciar o núcleo urbano, perfectamente identificable pola presencia dos edificios, e o espazo periurbano a base de vivendas unifamiliares que se espallan pola superficie do concello e que nun desenvolvemento intercalar acaban por soldar os antigas aldeas dispersas entre si. Na imaxe tamén podemos observar como o espazo periurbano que rodea o núcleo de Pontevedra continúa polo concello de Poio, dando continuidade ao poboamento entre ambos concellos e formando unha área territorial urbana con Marín, de xeito que esta densidade de poboamento esixiría unha xestión integral e mancomunada dos servizos. 

 

  • A ocupación do territorio a base de vivendas unifamiliares complica moito a xestión do territorio, sobre todo, cando se trata de crear infraestruturas viarias, complexos industriais ou servizos hospitalarios novos. Obviamente, aquí se está a producir un encontro conflitivo entre dous modelos de entender o territorio; por un lado temos o mundo urbano en plena expansión, dominante, esixente en infraestruturas e servizos e por outro o mundo rural, tradicional que sempre estivo aí, que articulou e lle deu identidade ao espazo humanizado. Este mundo rural, actualmente en retroceso, experimenta unha transformación de usos e mesmo ve aumentar o número de vivendas que comezan a intercalarse polas vías de comunicación e a ocupar antigas leiras. Esa expansión do caserío unifamiliar, que  colma os desexos de moitos galegos de vivir nunha casa con horta, pese a que o ingreso principal xa non proceda da economía agraria, encarece a dotación de servizos básicos, consome moita enerxía en desprazamentos e dun xeito paradoxal, esta forma tradicional de ocupar o territorio, convértese nun freo para o desenvolvemento da propia cidade. As aldeas dispersas eran unidades produtivas autosuficientes, centradas no traballo da terra e cunha mobilidade da súa poboación moi escasa, pero na actualidade os desprazamentos dos seus habitantes ao traballo fóra do núcleo rural e aos servizos máis especializados provoca un incremento da mobilidade que en determinadas horas do día xera saturación nas vías de comunicación. Esta ocupación extensiva do espazo é causa dun número de desprazamentos tan grande que a comarca semella ter máis poboación da que vive en realidade. Esta pegada ecolóxica esixiría un novo modelo de organización dos horarios, dos costumes e da definición de usos e  espazos. A desorde paisaxística e territorial resulta evidente.

 

  • Unha consecuencia desta falta de planificación e previsión no crecemento é a construción da A-57 que está sendo motivo de protestas por parte dos veciños afectados. Como acontece nestes casos ese descontento deriva na creación dunha plataforma reivindicativa do espazo afectado pola vía.  Este pode ser un bo exemplo de conflito polo territorio, algo moi frecuente en Galicia por mor do choque entre o modelo territorial capitalista e urbano dominante, coas súas necesidades en infraestruturas viarias de alta capacidade para poder competir no mercado e o modelo rururbano que, devecendo da tranquilidade que proporciona o campo, desexa tamén ás vantaxes aportadas pola vida na cidade. A falta de consenso, a precipitación na elaboración dos deseños dos trazados e inexistencia dunha planificación a medio e longo prazo está a causar un prexuízo enorme ás familias afectadas por estas infraestruturas.