A POÉTICA DA PAISAXE


  • A paisaxe sempre foi obxecto de moitas miradas e interpretacións. O produto elaborado polos pintores sobre as terras de Pontevedra  merece ser coñecido para valorar a persoal visión que cada artista fai do territorio.

 

  • Unha das panorámicas máis coñecidas da cidade de Pontevedra é a que elabora Pier María Baldi en 1669, como consecuencia da viaxe que Cosme III de Medicis fai por España e Portugal. Ao seu paso por Pontevedra deixa unha estampa do núcleo pontevedrés visto probablemente dende a parroquia de Alba onde destacan a ponte do Burgo, como elemento central que dá nome á cidade, e as igrexas de Sta. María e San Francisco, culminando os suaves promontorios rochosos sobre os que se asentan ambos templos e o barrio de Santiaguiño do Burgo na parroquia de Lérez. Nesta visión podemos contemplar a fisonomía que tiña a ponte, as antigas murallas, o antigo peirao, o edificio que albergaba na saída da ponte a cárcere e o perfil topográfico de Pontevedra. Na parte esquerda da imaxe, fóra de murallas, podemos ver a o convento de Sta. Clara.
  • Posteriormente temos que esperar a Celso García de la Riega, historiador e intelectual pontevedrés, a finais do século XIX, para obter novas panorámicas da cidade e debuxos da monumentalidade de Pontevedra nunha interpretación cargada de romanticismo e de buscada revaloración da antiga vila amurallada, recunchos evocadores dun tempo pasado glorioso, de cidade importante, que debe volver a renacer.

 

  • Esta panorámica, obtida dende Sta. Margarita, na parroquia de Mourente, ofrece unha perspectiva diferente da obtida douscentos anos antes por Pier maría Baldi. Aquí destaca o convento de  S. Francisco, as torres da Peregrina, o convento de Sta. Clara, S. Bartolomé, Sta. María, o edificio do Casino, a antiga praza de abastos, o centro histórico escalonándose  entre S. Francisco e Sta. María e, por suposto, unha solitaria ponte do Burgo en medio do amplo esteiro do Lérez. Chama a atención a potente presenza do río e a súa sedimentación que da lugar ao espazo da Xunqueira, hoxe notablemente urbanizado.

Imaxe panorámica de Celso García de la Riega. de 1891. Extraída da seguinte ligazón:

https://celsogarciadelariega.files.wordpress.com/2012/06/panoracc81mica-pontevedra-2.jpg

 

Imaxe de Pontevedra a finais do s. XIX, coetánea do cadro de Celso García de la Riega. Esta imaxe está extraída do informe da Unidade Municipal de Arqueoloxía sobre as últimas excavacións realizadas na ponte do Burgo, no portal http://www.pontevedra.gal/

 

 

  • Non quixéramos rematar este breve repaso polas panorámicas de Pontevedra sen esquecer a que debe ser a primeira. Non ten intención artística pois a súa finalidade era informar das defensas da cidade de Pontevedra. En 1595,Pedro Rodríguez de Muñíz levanta este “Retrato de la Villa y Moreyra de Pontebedra mirada desde la linea A.B”