Nesta imaxe do Google Earth, que corresponde coa aldea de Lusquiños, na parroquia de Tomeza, podemos ollar un exemplo do que estamos a explicar. Rodeado cun círculo azul está o núcleo máis antigo. A súa localización está pensada onde racha a pendente entre as chairas, terras de veiga, fértiles, e o espazo de maior pendente destinado ao uso forestal. O crecemento posterior do núcleo busca a estrada que percorre en paralelo ao río Tomeza, dando lugar a unha disposición liñal do caserío. Algúns inmobles ocupan xa o espazo agrario tradicional, indicando unha perda de importancia das actividades agrarias fronte a outros usos. Esta mestura de usos é típica dunha área periurbana como se pode comprobar na parte esquerda da imaxe onde aparecen naves de talleres e almacéns (círculo vermello), atraídos pola saturada estrada de Vigo a Pontevedra.
As Mancomunidades de montes veciñais en man común de Pontevedra organiza xornadas para debater sobre os usos que se lle pode dar ao monte alternativos ao cultivo de especies para explotar a madeira, abrindo liñas de intervención sustentables e ecolóxicas; impulsa o control das especies invasoras, trata de regular o uso que se lle pode dar monte dende o ámbito do deporte, potencia a obriga de coidar e poñer en valor o patrimonio cultural que poida ter a súa localización no monte comunal, fomenta a produción micolóxica, loita contra os incendios, o seu gran inimigo, crea emprego no monte (o sector forestal galego sostén un emprego de 70.000 persoas, cunha actividade económica que ten valor aproximado do 3’5% do PIB) e educa ás novas xeracións no coidado do monte. Para saber máis do funcionamento das comunidades de montes compre consultar esta web
Unidade Didáctica dirixida ao alumnado de 3º ESO ies Sánchez Cantón, deseñada dentro do marco do Plan Proxecta na temática de Paisaxe e Sustantibilidade
Curso 2015-2016
Coordinador:
Humberto Martínez Gargamala
CONTACTO
humart64@gmail.com
Colaboradores:
Carmen Pernas Lorenzo
Ana Vidal Meixón
Páxina web
Convidámoste a visitar tamén Dende o patio ao barrio, outra unidade didáctica do mesmo coordinador sobre Paisaxe e Sustentabilidade